5. O teatro de Manuel Lourenzo. Mito clásico e a Galiza actual

Manuel Lourenzo. Mito clásico e a Galiza actual


Resultado de imagen de forzas eléctricas

Portada da obra de Edicións Laiovento

A meirande parte das obras de Manuel Lourenzo —por non dicir todas— non se estudan no currículo escolar da ESO e do Bacharelato. De facto, pese a ser Lourenzo un prolífico dramaturgo, a súa faceta máis estudada é aquela de ser o fundador do Teatro Independente galego, que comeza co seu grupo Teatro Circo no ano 1967. Este teatro caracterizábase, principalmente, por "[...] romper coa diglosia escénica e crear as infraestruturas que permitisen o desenvolvemento pleno dunha dramaturxia nacional" (AS-PG). É por iso que queremos resaltar o seu papel como dramaturgo e, máis concretamente, unha das súas obras, Forzas Eléctricas, polo tratamento que fai do mito clásico como soporte para criticar a Galiza dos anos de 1980.

Mais que ocorre en Forzas eléctricas? Realmente ten esta obra o valor necesario como para a inlcluír no noso teatro subversivo? Vexamos primeiro a sinopse e despois algunhas das súas ideas principais para as criticar.


SINOPSE:

Manuel Lourenzo trae para Galiza o mito clásica de Electra para tratar temas contemporáneos. Agamenón Rodrígues, líder do Partido Popular-Democrático e actual presidente da Xunta de Galiza, é asasinado pola súa esposa Clitemnestra tras beber un frasco de whisky envelenado da marca Chivas que esta lle entregou. Isto leva á busca de vinganza por parte de Electra e mais de Orestes e o seu “amigo especial” Pílades. Estes dous últimos exílianse voluntariamente aos Picos de Europa e trazan un plano para usurpar a presidencia da Xunta de Galiza. Este plano —en que participa tamén Electra— lévase a cabo no Martes de Entroido, día en que se conmemoran, ademais, os cen días no poder de Existo, quen morreu o día anterior na súa lúa de mel con Clitemnestra. Debido a isto, Orestes usurpa o trono e acaba por se converter no esposo da súa propia nai e Electra, que só pode dar gritos de dor por querer recuperar o seu pai, é tratada de tola e mandada a Conxo. No final, todo é un soño premonitorio de Electra.


Resultado de imagen de manuel lourenzo

Unha foto do autor mimetizado coas bambolinas.

IDEAS PRINCIPAIS:

1. O tratamento novidoso que realiza do mito clásico, pois torna en traxicomedia unha das grandes traxedias máis coñecidas do mito clásico: Electra.

2. A crítica social seria e clara feita desde unha obra que podería encaixar nos parámetros do teatro do absurdo.

3. A atemporalidade da obra, posto que os temas tratados (a especulación nos medios, o afán de poder das clases políticas etc.) poderían acontecer no momento histórico actual como nos inicios dos anos 1920.

4. Ruptura da cuarta parede.





Diferentes deseños da escenografía feitos pola Compañía Luís Seoane (conseguidos a través do Arquivo Francisco Pillado da Biblioteca da Universidade da Coruña).

Ante estas liñas temáticas principais, como investigadoras, poderíamos indicar en distintos estudos que isto é teatro subversivo tendo en conta os tres trazos centrais da introdución do blog?

INDICACIÓNS XERAIS PARA INVESTIGADORAS SOBRE A SOCIEDADE E A REINTERPRETACIÓN DE MITOS CLÁSICOS:

1. Esta liña temática non é especialmente nova, pois xa desde que a Antigüedade Clásica fica como unha fonte de sabedoría occidental, concretamente desde a Idade Media e o Renacemento, tamén fica esta tradición de ter sempre en conta aos autores clásicos. Nalgunhas obras de Shakespeare, como Pericles (1607), aparecen ante nós reinterpretacións de mitos clásicos desde a contemporaneidade, neste caso, un contexto isabelino e protestante. Polo tanto, a bibliografía sobre teatro que toma como punto de partida os mitos grecolatinos é moi abundante. Tamén Cervantes en El cerco de Numancia (1585) aproveita o mito de Troia e de Eneas para escribir unha traxedia en verso patriótica e alegórica. De facto, o propio mito de Eneas, ampliado por Virxilio, sería unha das primeiras reinterpretacións de mitos clásicos desde a perspectiva da literatura latina. O consello é procurar, sobre todo, durante os períodos do Renacemento e o Barroco. Así e todo, cómpre salientar a proliferación de rescritas do mito clásico desde un punto de vista feminista que supoñen un campo de investigación interesante á hora de confrontar pasado e presenta a través dos mitos.

2. Por suposto, debemos contar coa dramaturxia grega e romana se desexamos saber de que estamos a falar con reintrepretacións. A tríada Sófocles-Esquilo-Eurípides na traxedia e Aristófanes-Crates-Plauto-Terencio na comedia é indispensábel para comprendermos os mitos que tratarán as obras sociais posteriores para criticaren a súa sociedade actual.

3. Bibliografía sobre mitoloxía grega e romana é ineludíbel. Desde a Teogonía y Los trabajos y los días de Hesíodo até a Metamorfose de Ovidio. Este corpus conforma o pensamento relixioso da Antigüedade Clásica.



Publicado por María Pazos Blanco

5.1. Recursos específicos sobre Forzas eléctricas

Antes de presentar os recursos específicos sobre Forzas Eléctricas, cómpre salientar que esta é unha obra moi pouco estudada debido, principalmente, a dous factos: a) a súa tardía publicación nunha compilación xunto con outras dúas obras nun libro chamado Eléctricas (2007) e b) só se representou en teatros e salas de Galiza no ano 1986 (por falta de datos, non podemos asegurar que se representase noutros anos). Isto supón que os recursos específicos aquí apresentados non van ser tan específicos como no caso de O Marinheiro, de Fernando Pessoa, e de Amor de don Perlimplín con Belisa en su jardín, de Federico García Lorca. É por iso que moitos dos recursos recollidos versan sobre o teatro de Manuel Lourenzo.


FONTES PRIMARIAS:

- Manuscritos. Non encontramos ningún manuscrito da obra Forzas Eléctricas.

- Traducións.
  • Eurípedes. As Troianas (Manuel Lourenzo, trad.).
Trátase dunha tradución de As Troianas de Eurípedes feita por Manuel Lourenzo, obra que tamén adaptou e que levou a escena. Inclúese esta tradución pola importancia que ten coñecer os mitos clásicos á hora de realizarmos unha investigación sobre a rescrita de mitos clásicos. Ademais, que Manuel Lourenzo fixera unha tradución desta obra indica a inspiración nos clásicos de moitas das súas obras.

- Edicións. Por orde cronolóxica.
  • Lourenzo, Manuel (2007). Eléctricas. Ames: Laiovento.
A obra Forzas Eléctricas só conta con unha edición, publicada no ano 2007 xunto con outras dúas obras teatrais: O maratón sentimental de Elisa Fortes e A comisión. Estas dúas obras tamén conteñen crítica social que nos pode servir para facer un análise xeral sobre a crítica presente no teatro de Manuel Laurenzo.


FONTES SECUNDARIAS:

- CATÁLOGOS COLECTIVOS
- BUSCADORES ESPECIALIZADOS
- REPOSITORIOS DIXITAIS
- CONCORDANCIAS

No relativo a Manuel Lourenzo e, máis concretamente, a Forzas Eléctricas, non encontramos ningunha fonte secundario que sexa útil para a elaboración dunha investigación sobre a obra en cuestión.


FONTES CRÍTICAS:

- LIBROS
  • Rodríguez, Pablo (1997). Manuel Lourenzo: Vivir para o teatro. Santiago de Compostela: UVEGA Teatro.
Este libro presenta a vida e obra de Manuel Lourenzo de maneira cronolóxica. Ademais, presenta documentos de grande valor —como, por exemplo, deseños escenográficos, fotografías de montaxes, carteis etc.— para comprendermos de primeira man a súa visión non só como dramaturgo, senón tamén como director de escena.
  • Pascual, Roberto (ed.) (2006). Palabra e acción: a obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral gaelgo. Lugo: TrisTram.
Este libro inclúe diferentes estudos sobre a traxectoria dramatúrxica de Manuel Lourenzo e o que esta supuxo no sistema teatral galego. Así, esta obra repasa as características en que naceron as súas obras, así como o papel de Lourenzo na conformación dun teatro indepentente e galego nunha época dominada pola censura franquista.

- ARTIGOS DE REVISTAS
Neste artigo, Dolores Vilavedra analiza a consolidación do teatro galego e a súa evolución. Para iso, analiza as características do teatro da xeración de 1980 e da xeración de 1990.
  • Lourenzo, Manuel (2000). Teatro circo. A consolidación do teatro independente galego. Casahamlet: Revista de teatro, 2, 34-37.
  • Lourenzo, Manuel (2003). El teatro independiente gallego. Assaig de teatre: revista de l’Associació d’Investigació i Experimentació Teatral, 37, 83-91, Recuperado de https://www.raco.cat/index.php/AssaigTeatre/article/view/145872
Estes artigos estudan a consolidación do teatro independente galego desde o punto de vista dun dos seus fundadores: Manuel Lourenzo. É por iso que pode ser moi relevante á hora de entendermos as características deste tipo de teatro e, consecuentemente, das obras teatrais que se orixinaron arredor daquela época.

- RECURSOS DE INTERNET

Postas en escena: debido a que as representacións se levaron a cabo no ano 1986 e de que non hai representacións desta obra na actualidade, non existen mostras de posta en escena en Internet.

Entrevistas

  • [Centro Documentación Artes Escénicas y Música] (6 de setembro de 2017). Entrevista a Manuel Lourenzo. "El teatro Independiente en España". Centro de Documentación Teatral [Archivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=QMkTBUFheoM
Esta entrevista pode sernos útil se queremos coñecer a súa visión sobre o Teatro independente, do que el foi un dos fundadores na Galiza co seu grupo Teatro Circo.

Ponencias

Nesta ponencia realizada na Universidade de Vigo, Manuel Lourenzo dá conta da súa opinión sobre o panorama do teatro galego contemporáneo.


OUTROS MEDIOS:

- ARQUIVOS

O arquivo Francisco Pillado da Biblioteca da Universidade da Coruña é un dos arquivos máis importantes sobre teatro da Galiza. Nel, podemos encontrar textos teatrais, artigos de prensa etc., moi pertinentes á hora de estudarmos algún dramaturgo ou dramaturga, como é o caso que nos ocupa. Cómpre salientarmos que os documentos que se conservan neste arquivo son de consulta na sala, que teñen un acceso restrinxido e que se precisa dunha autorización previa da biblioteca.

  • Ferreira, Isaac (2002). Manuel Lourenzo: obra dramática, dramaturxia e dirección. Colección Francisco Pillado Mayor. Textos.
Este texto mecanografiado analiza a vida e obra —incluída a súa faceta como director— de Manuel Lourenzo.

- BIBLIOTECAS VIRTUAIS
A Biblioteca Virtual Galega conta cunha sección adicada a Manuel Lourenzo que é moi relevante á hora de coñecermos a súa traxectoria como dramaturgo, actor e director, entre outros. Ademais, conta cunha breve biografía e unha listaxe das súas obras. Nesta listaxe, aparecen tamén indicación sobre se a páxina da biblioteca ten unha determinada obra en formato dixital, vídeo, audio ou imaxe. Así e todo, é preciso mencionar que esta listaxe non está actualizada, posto que, por exemplo, non se encontra o seu libro Eléctricas.

- PRENSA ESCRITA

  • Aguiar, Xaime (13 de setemebro de 1986). "Forzas Eléctricas": o mito recreado. Faro de Vigo.
  • Vales, Ricardo (25 de novembro de 1986). "Forzas eléctricas": A loita polo poder como terapia. El ideal gallego.
  • Vieites, Manuel F. (12 de setembro de 1986). La compañía "Luís Seoane" permitió contemplar un experimento teatral en Cangas. La Voz de Galicia.
  • Villalaín, Damián (16 de abril de 1986). Teatro: "Forzas eléctricas", un baile en Raxoi. La Voz de Galicia.
  • S. A. (6 de outubro de 1986). La compañía "Luís Seoane" divirtió al público lucense con la representación de "Forzas eléctricas". El Progreso.
  • S. A. (6 de novembro de 1986). Éxito de la compañía "Luís Seoane" con la obra teatral "Forzas eléctricas". El Correo Gallego.
Incluímos varios artigos sobre a recepción da obra porque consideramos importante saber a aceptación (ou non) que esta obra tivo no público galego para así poder realizar unha análise máis profunda da obra.


Publicado por María Pazos Blanco