O
marinheiro. Existencialismo e patria.
Foto do autor
Fernando
Pessoa escribiu O Marinheiro en 1913, un dos seus anos de
maior intensidade creativa. Nesa obra dramática condensa moitas das buscas,
preguntas e incertezas que definen o seu espírito. Esta peza é un canto das profundas forzas interiores que moven o estraño que
habita en nós, é unha lírica de forzas ocultas, un asunto
da escena que está máis próximo a unha sesión de
espiritismo que a un convencional espectáculo teatral. Debido á importancia da lírica pessoana, esta breve obra teatral pasa completamente desapercibida en Bacharelato, na materia de Literatura Universal, ao igual que ocorre coa maioría das súas
obras. Por isto, queremos resaltar as súas temáticas principais:
o existencialismo e a patria.
Mais,
que sucede en O Marinheiro? Ten esta obra o valor necesario como para
a incluír no noso teatro subversivo? Vexamos primeiro a sinopse e
despois algunhas das súas ideas principais para as criticar.
SINOPSE:
Tres irmás velan o cadáver dunha muller e falan mentres pasa
a noite. No medio da conversa, unha delas recorda un soño que tivo na beira do
mar sobre un mariñeiro que naufragou nunha illa e que se dedicou a
soñar cunha patria diferente á súa para escapar da dor de non a poder ver.
Soñaba con novas persoas, amigos, crepúsculos, ventás, travesías, sons de
barco, porque os reais os perdera. Un día cansouse de soñar e quixo recordar a
súa auténtica patria, mais non puido. O seu soño era todo o que tiña e todo o
que era. Narra a muller que un día pasou un barco pola illa e xa non
estaba o mariñeiro, que tal vez desapareceu no seu propio soño. O mariñeiro acabou
con todo, até con el mesmo. Creou un soño para ver algo e todo o que non fixera
parte deste deixou de existir. A irmá conta ese soño ás outras cando o único
que teñen fronte a elas é un cadáver e a escuridade. Como o
mariñeiro, elas tampouco poden ver: soñan e recordan. A historia do mariñeiro
as horroriza, vense reflectidas nela e queren fuxir, mais non teñen
tempo para moverse xunto á densidade da morte. Saben que o malestar
que lles causou escoitala durará eternamente. A historia fere a tranquilidade
coa que comezaran a falar: antes do amencer dubidan aterrorizadas do
tempo, da realidade, do pensamento e do ser.
Imaxe dunha representación de O marinheiro.
IDEAS
PRINCIPAIS:
1. Memoria copada pola ficción que o propio mariñeiro creou.
2. Posta en dúbida, por parte das mulleres, dos propios cimentos do mundo.
3. Saudade pola patria.
4. Relación entre a lingua e a morte.
Ante estas liñas temáticas principais, como investigadores, poderíamos indicar en distintos estudos que isto é teatro subversivo tendo en conta os tres trazos centrais da introdución do blog?
INDICACIÓNS
XERAIS PARA INVESTIGADORES SOBRE EXISTENCIALISMO E PATRIA
1. Non podemos esquecer a
obra central de Pessoa: O livro do desassossego (1913-1935),
en que moitas liñas do existencialismo están presentes na narración e
reflexións de Bernardo Soares. Pode que este tipo de filosofía materialista e
nihilista se conecte con O marinheiro. Este tipo de filosofía,
como é ben sabido, supuxo certa contrahexemonía durante a segunda parte do
século XX, especialmente con Sartre e Camus, unha contrahexemonía contra
ao xermolo do capitalismo estadounidense (1945-) que, nese contexto, está
empezando a agromar na forma do Estado do Benestar (o mito da felicidade,
etc.).
2. Teoría de la vanguardia de
Peter Burger (1974). Esta obra supuxo un antes e un despois nas ideas vertidas
sobre os movementos vangardistas. Se Pessoa e O Marinheiro pertencen
a esta poética-estética, as características que nos ofrece Burger
(institución-arte, historicidade das categorías estéticas,
sofisticación etc.) poden ser moi útiles para trazar as bases filosóficas e
estéticas de Pessoa nos inicios (1917) destas correntes.
Portada da tradución ao español deste ensaio na Editorial Península
3. A influencia da
Psicanálise a principios do século XX é clara na maioría dos autores, a
referencia constante aos soños en O Marinheiro pode revelarnos
dito influxo. Especialmente no referente ao subconsciente desde a teoría
filosófica de Freud.
4. Base tradicional
e canónica da idea de Metaliteratura que xa atopamos en Cervantes e Shakespeare
e que, neste caso, é un elemento narrativo esencial para comprender a trama da
obra.
Publicado por Noelia Carreira Bocelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario