5. O teatro de Manuel Lourenzo. Mito clásico e a Galiza actual

Manuel Lourenzo. Mito clásico e a Galiza actual


Resultado de imagen de forzas eléctricas

Portada da obra de Edicións Laiovento

A meirande parte das obras de Manuel Lourenzo —por non dicir todas— non se estudan no currículo escolar da ESO e do Bacharelato. De facto, pese a ser Lourenzo un prolífico dramaturgo, a súa faceta máis estudada é aquela de ser o fundador do Teatro Independente galego, que comeza co seu grupo Teatro Circo no ano 1967. Este teatro caracterizábase, principalmente, por "[...] romper coa diglosia escénica e crear as infraestruturas que permitisen o desenvolvemento pleno dunha dramaturxia nacional" (AS-PG). É por iso que queremos resaltar o seu papel como dramaturgo e, máis concretamente, unha das súas obras, Forzas Eléctricas, polo tratamento que fai do mito clásico como soporte para criticar a Galiza dos anos de 1980.

Mais que ocorre en Forzas eléctricas? Realmente ten esta obra o valor necesario como para a inlcluír no noso teatro subversivo? Vexamos primeiro a sinopse e despois algunhas das súas ideas principais para as criticar.


SINOPSE:

Manuel Lourenzo trae para Galiza o mito clásica de Electra para tratar temas contemporáneos. Agamenón Rodrígues, líder do Partido Popular-Democrático e actual presidente da Xunta de Galiza, é asasinado pola súa esposa Clitemnestra tras beber un frasco de whisky envelenado da marca Chivas que esta lle entregou. Isto leva á busca de vinganza por parte de Electra e mais de Orestes e o seu “amigo especial” Pílades. Estes dous últimos exílianse voluntariamente aos Picos de Europa e trazan un plano para usurpar a presidencia da Xunta de Galiza. Este plano —en que participa tamén Electra— lévase a cabo no Martes de Entroido, día en que se conmemoran, ademais, os cen días no poder de Existo, quen morreu o día anterior na súa lúa de mel con Clitemnestra. Debido a isto, Orestes usurpa o trono e acaba por se converter no esposo da súa propia nai e Electra, que só pode dar gritos de dor por querer recuperar o seu pai, é tratada de tola e mandada a Conxo. No final, todo é un soño premonitorio de Electra.


Resultado de imagen de manuel lourenzo

Unha foto do autor mimetizado coas bambolinas.

IDEAS PRINCIPAIS:

1. O tratamento novidoso que realiza do mito clásico, pois torna en traxicomedia unha das grandes traxedias máis coñecidas do mito clásico: Electra.

2. A crítica social seria e clara feita desde unha obra que podería encaixar nos parámetros do teatro do absurdo.

3. A atemporalidade da obra, posto que os temas tratados (a especulación nos medios, o afán de poder das clases políticas etc.) poderían acontecer no momento histórico actual como nos inicios dos anos 1920.

4. Ruptura da cuarta parede.





Diferentes deseños da escenografía feitos pola Compañía Luís Seoane (conseguidos a través do Arquivo Francisco Pillado da Biblioteca da Universidade da Coruña).

Ante estas liñas temáticas principais, como investigadoras, poderíamos indicar en distintos estudos que isto é teatro subversivo tendo en conta os tres trazos centrais da introdución do blog?

INDICACIÓNS XERAIS PARA INVESTIGADORAS SOBRE A SOCIEDADE E A REINTERPRETACIÓN DE MITOS CLÁSICOS:

1. Esta liña temática non é especialmente nova, pois xa desde que a Antigüedade Clásica fica como unha fonte de sabedoría occidental, concretamente desde a Idade Media e o Renacemento, tamén fica esta tradición de ter sempre en conta aos autores clásicos. Nalgunhas obras de Shakespeare, como Pericles (1607), aparecen ante nós reinterpretacións de mitos clásicos desde a contemporaneidade, neste caso, un contexto isabelino e protestante. Polo tanto, a bibliografía sobre teatro que toma como punto de partida os mitos grecolatinos é moi abundante. Tamén Cervantes en El cerco de Numancia (1585) aproveita o mito de Troia e de Eneas para escribir unha traxedia en verso patriótica e alegórica. De facto, o propio mito de Eneas, ampliado por Virxilio, sería unha das primeiras reinterpretacións de mitos clásicos desde a perspectiva da literatura latina. O consello é procurar, sobre todo, durante os períodos do Renacemento e o Barroco. Así e todo, cómpre salientar a proliferación de rescritas do mito clásico desde un punto de vista feminista que supoñen un campo de investigación interesante á hora de confrontar pasado e presenta a través dos mitos.

2. Por suposto, debemos contar coa dramaturxia grega e romana se desexamos saber de que estamos a falar con reintrepretacións. A tríada Sófocles-Esquilo-Eurípides na traxedia e Aristófanes-Crates-Plauto-Terencio na comedia é indispensábel para comprendermos os mitos que tratarán as obras sociais posteriores para criticaren a súa sociedade actual.

3. Bibliografía sobre mitoloxía grega e romana é ineludíbel. Desde a Teogonía y Los trabajos y los días de Hesíodo até a Metamorfose de Ovidio. Este corpus conforma o pensamento relixioso da Antigüedade Clásica.



Publicado por María Pazos Blanco

No hay comentarios:

Publicar un comentario